Tuesday, May 10, 2011

Carpinturías de Branda | …mmmm…

Os problemas dos poetas son os problemas dos pintores, dixo Wallace Stevens.

Hai unhas semanas, o brutal Branda pasoume os seus problemas resoltos en lenzo e madeira para eu os resolver en tinta. Finalmente, non poideron formar parte do catálogo pero aí quedaron, polo que xurdise no futuro, en apaixoada simbiose.

As teimas do Branda ficarán penduradas dende o 5 de maio ata o 5 de xuño na Galería Sargadelos da Coruña, aló pola rúa Real, nunha exposición titulada Carpinturías: puro Branda paródico, rueiro, catalizador das pintas de Monte Alto. Carpintureiro, carpintoresco, variocarpinto, marquetería fina. Branda évos moito Branda cando se pón duramente Branda.

Algunhas das miñas medias tintas poden lelas aquí, con cadros desa súa exposición.

SECRET LOVE
[rumba samba mambo e rifles de repetición]

Glock!
Colt!
Heckler!
Und Koch!
Sig!
Pro?
SP 2009!
Mauser!
Oh, Mauser!
Oh, Sig!
Benelli, Benelli!
Pum, ah, pumpúm!

SEN TÍTULO-1
[opereta] Cando empezou no seu negocio na barbería, o señor Brandgló tiña as mans grosas e peludas coma centolas. Grazas á innovadora escuma de barbear Miss Brandgló, a día de hoxe o señor Brandgló trata aos seus clientes con man de porcelana fina e unlla de bico de colibrí. Os clientes do señor Brandgló fican todas a mar de contentas. E sorrín, sorrín. Sorrín carmín. E todo todo todiño por Miss Brandgló, escuma coma nenhuma.

POLÍPTICO DE PADRÓN
 [pseudohaiku en 2 tempos]

Qué vida a nosa.
Si, qué nosa a vida.

BOCETO-2
[problema trigonométrico] Observen, se fan o favor, o mozo con perilliña e mais un cartafol de debuxante baixo o brazo. Tracen unha bisectriz entre o ángulo do seu van, unha bisectriz que rebota no chinés con gafas de diante e volve atrás, ata a moza con flequillo negro que fica no interior do primeiro vagón. Xa a teñen? Calculen, se o metro saíu ás 15:00 da Estación Central e rematará o traxecto ás 15:54 en Pradairas Celestes, calculen durante cántos días máis o mozo da perilla e a moza do vagón poden seguir ignorándose. SANTO TOMÁS BLUES
[blues]

Nanananá
non sei ónde lin
nanananá
que iso do blues
nanananá
é que a túa muller
nanananá
non veña durmir.

Así que cando penso que te fuches
e cómpre baixar o lixo

con estas pintas e esta dor
ando moi blues moi blues
pero que moi blues do noso señor.

SEN TÍTULO- 2
[ska] Ah, queres que che fale da festa. Queres que che fale da puta festa? Claro, claro que queres que che fale da festa. Pois ben. Falareiche da festa. Contareicho todo, achégate un pouco máis. Máis, meu, máis. Contareicho todo. Vén que cho conte. Vén que cho.
Vén que cho.

SEN TÍTULO- 17
[cantiga de escarnio, maldizer e amor amigo]

Ondas martenot do gym
amor hei!
Celulites sen leixaprén
amor hei!
Táboas que non teñen fin
amor hei!
Cartiños que me ghastei
amor hei!

No comments:

Post a Comment